fbpx

Síguenos en...

FICRURAL 2019 - CONCLUSIÓNS FINAIS

A xeito de conclusións: FICRURAL 2019

É unha cuestión de confianza…


Confiamos nun país onde o rural é, ante todo, un estado mental. Onde a cultura rural non é algo estático se non un movemento imparable, un concepto dinámico, vivo, feito a man e cociñado a lume lento polas mulleres e os homes que habitamos o territorio, unha construcción colectiva que debe ser máis froito da cooperación, da colaboración que da competencia.


Confiamos nun país onde a sociedade civil demanda dos políticos que saiban estar á altura do momento histórico que nos tocou vivir. Reivindicar hoxe a ruralidade de Compostela e de Galicia non é so un acto de xustiza. É algo imprescindible para o equilibrio territorial, social, económico e para a defensa do medio ambiente.


A medio prazo, sen un rural vivo non hai futuro nin para as cidades nin para o planeta. A Terra está ameazada e hai que defendela país por país, comarca a comarca, aldea por aldea, coma a parroquia compostelá da Gracia, na que o outro día repenicamos as campás da Compostela rural para inaugurar o FICRURAL e revindicar o territorio e os valores ancestrais da nosa cultura rural.


O único poema que me adicaron na miña vida é un haiku, ou un hai cú que di así: Para o Aser Arraiano. En chinés mandarín crise significa oportunidade.


Confiamos en que saibamos ver que esta crise do rural é unha oportunidade para o noso país, para entender o rural coma un estado mental, onde as fronteiras entre o rural e o urbano se dilúen para rachar os estereotipos e o paternalismo urbanita e demostrar que outro rural é posible, como demostramos estes días no I Foro Internacional de Economía e Cultura Rural.


Confiamos en que o coñecemento e a experiencia da universidade e dos emprendedores sirvan para reinventar o rural e reactivalo dun xeito creativo e innovador e colaborativo, sempre cos pés na terra, con paixón e valentía.
Confiamos na transferencia de coñecemento e a experiencia das universidades e das redes de colaboración rural para a creación de empresas no rural, con actividades sustentables que nos axuden a desenvolver todas as potencialidades do territorio, para que a reactivación do rural pase obrigatoriamente polo empoderamento feminino e a volta do talento ao rural.


Confiamos en que o FICRURAL nos axude a espallar esta revolta cívica para un novo rexurdimento do rural de Compostela e Comarca e de Galicia. E confiamos na capacidade da sociedade civil para promover un gran pacto político polo rural, con ampla maioría, con visión de longo prazo.
Compostela é a capital de Galicia, a aldea máis grande de Europa, que vai ser a vangarda deste movemento. FICRURAL nace para avanzar nesta dirección cara un futuro onde outro mundo rural é posible.


Comeza aquí esta revolta cívica por outro mundo rural. Unha revolta que comezamos na parroquia da Gracia en Compostela, cun repenique de campás que hoxe continúa coa música, coa que celebramos tamén o apoio das institucións que fan posible a celebración deste I FICRURAL, especialmente a Deputación da Coruña e ao Concello de Santiago.


Nestes días de FICRURAL, nos que estivemos sentados arredor dunha mesa para pensar, chegamos á conclusión de que o territorio rural ten un futuro prometedor. Queremos construir entre todas e todos un rural colaborativo e moderno. As sementes xa están botadas. As redes xa están creadas. Os equipos xa están formados e en marcha, para facer que o talento poida voltar ao rural e reactivalo dende unha perspectiva contemporánea.


Confiamos en vós, en nós e neste importante paso adiante que demos co FICRURAL, un espazo de encontro para aprender a colaborar e a emprender no rural, ese estado mental onde estes días aconteceron cousas moi importantes. Por iso confiamos en que poidamos vivir e traballar no rural dun xeito sustentable a través dos espazos colaborativos.

Compartir »

Sigue en directo todas as novidades do FIC2019 nas nosas redes ou no apartado AO VIVO desta páxina.