fbpx

Síguenos en...

MANIFESTO FICRURAL 2019

Moi bo día.


Hoxe, 22 de setembro de 2019, Día Mundial sen coches, e xa ás portas do Equinocio de Outono, dende esta parroquia da Compostela rural comezamos unha revolta pacífica na defensa do rural e contra o cambio climático.


Reivindicar a ruralidade de Compostela, a Galicia rural e a España rural non é so un acto de xustiza. É algo imprescindible para o equilibrio territorial, social, económico e para a defensa do medio ambiente.


A medio prazo, sen rural non hai futuro nin para as cidades nin para o planeta. A Terra está ameazada e hai que defendela, país a país, provincia a provincia, comarca a comarca, parroquia por parroquia, coma esta da Gracia na que hoxe estamos repenicando as camás para inaugurar o FICRURAL e revindicar o valor do que somos.


Estamos moi perto de Santiago, á beira dun polígono industrial, mais estamos na Compostela rural, nunha parte esencial deste concello e non tan lonxe dese deserto humano que avanza imparable na Galicia interior.


Chámome Aser Álvarez, son membro da Rede de Xornalistas Rurais de España e nacín nunha aldeíña nos montes do Leboreiro, na fronteira entre Ourense e Portugal, nunha daquelas escolas unitarias onde vivíamos toda a familia porque a miña nai era a mestra. Alí aprendín a ler e escribir, na escola dos Mociños. Hoxe xa case non queda ninguén naquel meu paraíso perdido.


Pero esta hemorraxia humana non se detén nas aldeas do interior de Galicia. Na España de hoxe, 26 capitais de provincia perden poboación. E se retroceden as capitais, que dicir do rural...

Estamos aquí porque algúns precursores iniciaron hai décadas este camiño que hoxe continuamos. Hai 20 ou 30 anos eran uns incomprendidos por dicir que se a vida nas aldeas deixaba de alampear, a decadencia demográfica, económica e moral chegaría tamén ás cidades. O tempo deulles a razón.


Queremos expresar tamén hoxe o noso recoñecemento aos xornalistas que informan sobre o que acontece no rural, e aos que traballan para que se escoiten as voces do mundo rural e das emprendedoras que riqueza fóra das cidades... moitas delas van participar neste I FICRURAL, que nace para ficar e no que vos convidamos a participar a todas e a todos.

A intelixencia é colectiva, por iso é imprescindible recuperar o talento, un talento que emigrou ás cidades, para que logo poidamos superar esa idea da España baleirada, da que tanto se fala, e convertela na España Chea, nesa Galicia Ateigada e viva na que todos soñamos e da que queremos falar hoxe.


Quede claro que non so reclamamos axudas. Pedimos facilidades para a creación de empresas, que poidan xerar emprego e riqueza no rural. A rexeneración é posible.


Que ninguén pense que este repenique de campás reivindicativo vai quedar aquí. Abonda xa de estereotipos e prexuízos arredor do rural. Chegou o tempo dos acordos, dos consensos e do apoio para os proxectos emprendedores, innovadores e creativos.


A España baleirada e a Galicia baleirada, precisan con urxencia un gran pacto político con ampla maioría. Compostela, a capital de Galicia, a aldea máis grande de Europa, pode e debe ser a vangarda deste movemento. FICRURAL nace para avanzar nesta dirección cara un futuro onde outro rural é posible.


Comeza aquí esta revolta cívica por outro mundo rural. Unha revolta que comezamos nesta parroquia da Gracia en Compostela, cun repenique de campás co que tamén celebramos o apoio das institucións que fan posible a celebración deste I FICRURAL, especialmente a Deputación da Coruña e ao Concello de Santiago.


E gracias á veciñanza da Gracia, que hoxe nos deixa botar esta semente de futuro na súa terra para loitar pola supervivencia e o progreso, defendendo uns dereitos para todos e todas, vivamos onde vivamos e traballemos onde traballemos. Porque outro rural é posible.


E como ás veces, os soños se fan realidade... Convidámosvos a soñar xuntos e a compartir inquedanzas, proxectos e experiencias neste I FICRURAL, para cambiar o noso entorno, o noso pequeno mundo arredor, o noso concello, a nosa comarca, a nosa provincia... e como diría o meu veciño, Miguel Torga, tamén o mundo enteiro, pois o universal non é máis que o local sen paredes. Lembrémolo sempre e sigamos traballando arreo polo que os nosos maiores fixeron dende a noite dos tempos.

 

Compartir »

Sigue en directo todas as novidades do FIC2019 nas nosas redes ou no apartado AO VIVO desta páxina.