fbpx

Síguenos en...

FICRural Visión - Fenómenos do Rural

Xoves 26

  • Presentación do proxecto Fenómenos do Rural, de Yoseba Muruzábal

A serie “Fenómenos do rural” está formada por unha serie de cadros e murais nos que o artista galego Yoseba MP se inspira en mulleres do noso rural ás que dota de “súperpoderes”. E no FICRURAL teremos a oportunidade, entre 26 ao 28 se setembro, de ver a creación do último mural desta serie, feito en directo no lugar de celebración deste evento multidisciplinar. FENÓMENOS DO RURAL O obxectivo desta serie de imaxes é dar testemuña do traballo que estas mulleres exercen nos seus fogares e a relevancia que iso ten no seu medio a na súa contorna. A idea deste universo rural ten unha base real. É un feito que o minifundio galego é cousa de mulleres e isto resulta determinante para que desenvolvan unha mentalidade de traballo e unha forza para executalo que é algo fóra do normal.

Nunha viaxe por calquera estrada galega poderás ver a estas súper mulleres, camiñando pola beiravía, sempre ocupadas nalgunha tarefa, cargando con carretillas, sachos, fouciños, cestos, mangueiras...

En Galicia, debido ao seu carácter rural, as mulleres sempre aportaron á economía familiar unha axuda imprescindible, seguramente hoxe en día a maioría delas estea cobrando unha pensión e podería deixar de ir ao campo, pero a dinámica de toda unha vida non se cambia facilmente.

Dous de cada tres traballadores no campo son mulleres, e pasada a idade da xubilación a diferenza entre mulleres e homes aumenta. Os factores que inflúen na feminización do mundo rural son variados. Hai estudos que afirman que tanto a emigración como a xenética son determinantes no rural. E o feito de desempeñar un traballo tan dependente como é a leira ou o coidado dos animais, fan que o ritmo da vida laboral destas mulleres sexa constante e regular, sen vacacións nin xubilación. Mais están en forma até moi maiores.

 

As superheroínas galegas diferéncianse do resto de superheroes polo seu traxe, único e exclusivo dos mercados galegos, o mandil de cadros, a batiña, que xa é un elemento iconográfico da nosa terra. É o uniforme das nosas hortas, e de case todas as mulleres do rural. Tamén é o noso. E por iso queremos homenaxear a este artista, porque co seu traballo artístico racha os estereotipos éticos e estéticos, demostrando que outro rural galego é posible. Avante Joseba. O rural é noso! O rural é delas!.

As heroínas do rural galego.

 

 

Compartir »

Sigue en directo todas as novidades do FIC2019 nas nosas redes ou no apartado AO VIVO desta páxina.